Thursday 18 de April de 2024

O Concello de Lousame centra na poboación escolar a programación do 25 de novembro


Esta mañá tivo lugar a novena reunión na Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, presidiu esta mañá a novena reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame. Unha reunión na que participaron Mª Isabel Álvarez García, xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno na Coruña; Nerea Fernández Gómez, coordinadora da Quenda de Garda Social para mulleres e fillos/a que sofren violencia de xénero (Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia); Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Avelino Rivadulla e Cristina Rial, Garda Civil-Posto de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.

Un encontro no que todas as persoas integrantes da Mesa tomaron a palabra para informar e compartir experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para dar conta das actuacións que está a desenvolver o Concello de Lousame, en colaboración co CPI Cernadas de Castro, a prol da sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres, así como para adiantar o programa de actividades programadas para as vindeiras semanas co gallo da conmemoración do 25 de Novembro.

Lousame Coeduca

Un programa que inclúe a segunda edición do programa “Lousame Coeduca”, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro e subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades. “Trátase dun programa de actividades de sensibilización en igualdade, dirixidas a nenos e nenas dende os 3 ata os 16 anos, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia na familia e na escola”, explicou Silvia Agrafojo.

Así mesmo, o Concello de Lousame adheriuse á campaña “De Fronte” da Deputación da Coruña, ofertando a toda a poboación o acceso a través das redes a diferentes palestras e actividades en torno á prevención da violencia de xénero. Ademais, Lousame tamén vai formar parte do proxecto “Municipios contra el maltrato”, posto en marcha por Antena 3 Noticias e Fundación Mutua Madrileña. Finalmente, con motivo do 25N levarase a cabo unha concentración diante do Concello aberta a poboación, entidades e asociacións, para amosar o rexeitamento ante a violencia machista.

Decembro

Finalmente, Silvia Agrafojo informou de que “no mes de decembro continuaremos traballando coa poboación xuvenil, tendo programadas dous obradoiros en colaboración cos centros Quérote + da Xunta de Galicia, para mozos e mozas de 14 a 16 anos”. Trátase do obradoiro Re-Conecta, sobre a xestión do mundo virtual e a adición sen substancia; e o taller Cultivando a Autoestima, para o crecemento persoal e o reforzamento da autoestima.

No primeiro buscarase que a mocidade reflexione e analice o impacto da tecnoloxía na súa vida diaria, recoñezan as adicións sen substancias e a súas repercusións, impulsando actitudes que promovan un uso positivo da Internet, e fomentando hábitos saudables na xestión do ocio e tempo libre. No segundo obradoiro dotárase ao alumnado de ferramentas que contribúan ao seu benestar persoal e que lle axuden a analizar e detectar as presións externas e as condutas que lles dificultan o empoderamento e a autoxestión emocional.

Garda Social

Por outra banda, Nerea Fernández Gómez presentou á mesa o recurso Quenda de Garda Social para mulleres e as/os fillas/os que sofren violencia de xénero, promovida polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade. Trátase dun servizo a disposición das mulleres que sofren violencia de xénero que lles permite contar con apoio e acompañemento social dende o momento inicial da denuncia.

Este servizo de quenda de garda social especializada en violencia de xénero activarase fóra do horario dos servizos sociais normalizados, e estará operativo os 7 días á semana os 365 días do ano. O servizo pode ser activado tanto dende as Forzas e Corpos de Seguridade como dende o ámbito xudicial segundo as instrucións comunicadas.